Blog

Crean un banco de ADN de porco celta para controlar a cabana

Crean un banco de ADN de porco celta para controlar a cabana

Asoporcel, a asociación que se ocupa de velar pola pureza e o pedigrí da raza porco celta, está elaborando un banco de ADN, que se sumará ao do seme do que xa dispoñen. Pretenden ter a man toda a información xenética dos machos e femias dedicados á reprodución. Esta información, segundo sinalou o director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez, utilizarana como apoio de programas xenéticos dedicados a manter o control de toda a cabana desta raza en Galicia.

Os veterinarios da asociación están a percorrer as 112 granxas de Galicia que crían este animal para renovar a base de datos da organización. Recollen tamén mostras de pelo, das que extraen o genotipo dos exemplares destinados á reprodución. Segundo explicou o director técnico de Asoporcel, o que fan é cortar entre 40 e 50 pelos do rabo, que é a zona onde estes son máis longos. Logo, seguindo unhas normas de hixiene para evitar contaminación, introdúcenos en bolsas de plástico que entregan en Xenética Fontao. Nos últimos dous meses levan extraídas máis de 300 mostras dun 80 % das granxas.

Xenética Fontao, unha empresa pública que dispón dun laboratorio de xenética molecular, é a que se encarga de procesar as mostras, en virtude dun convenio de colaboración co colectivo. Segundo a súa directora técnica, María Lourido, os resultados envíanllos a Asoporcel, pero tamén manteñen un banco de mostras e outro de ADN, por si nalgún momento fose necesario comprobar algún dato.

Non é a primeira vez que Asoporcel envía mostras de porco celta a Xenética Fontao. A colaboración comezou no ano 2005 e prolongouse durante varios anos máis, ata o 2013 e o 2014, que se interrompeu. Volvérona retomar no 2015, en virtude dun convenio con Feader para o genotipado de razas autóctonas.

Xeralmente o ADN tíñano que extraer no laboratorio a través de sangue enteiro ou de tecido muscular do pavillón auditivo, na maior parte dos casos. Houbo algunha ocasión na que tamén optaron por remitir pelo do animal.

O director técnico de Asoporcel explicou que se decantaron por pelo, en lugar de por outro tipo de mostras, para extraer o ADN, porque é o máis fácil de obter.

Fonte: A Voz de Galicia

Entrada publicada: 02/12/2016

Volver