Blog

ASOPORCEL inicia unha nova etapa centrada na mellora da promoción comercial do Porco Celta

ASOPORCEL inicia unha nova etapa centrada na mellora da promoción comercial do Porco Celta

A Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL) ven de iniciar unha nova etapa trala asemblea xeral ordinaria celebrada en Silleda o pasado día 12 e na que os ao redor de 50 socios participantes -dun censo oficial e depurado de algo máis de 90 membros- deron o seu apoio aos cambios propostos pola actual Xunta Directiva e ratificárona nas súas funcións, á espera de poder actualizar os estatutos e convocar eleccións.

Dende o pasado mes de abril a dirección de ASOPORCEL foi asumida provisionalmente por unha xunta directiva, encabezada polo presidente da asociación, José Barreira, que realizou unha labor de depuración do censo de socios e de regularización administrativa da asociación.

Neste sentido, a asemblea celebrada en Silleda ratificou a actual xunta directiva para dar continuidade ao traballo iniciado hai uns meses co obxectivo de encamiñar o futuro de ASOPORCEL.

Ademais, a asemblea deu o seu visto bo a que a partir de agora ASOPORCEL se centre na xestión do libro xenealóxico e na promoción da raza Porco Celta, así como na busca de canais de comercialización, aínda que sen asumir a venda directa.

En canto á xestión do libro xenealóxico, a xunta directiva salienta que "se está a traballar na actualización dos rexistros e censos para cambiar a forma de levar o libro xenealóxico da raza, que ata o momento non resultou de todo precisa".

Neste sentido, na asemblea de Silleda informouse do convenio de colaboración que ven de asinar coa Consellería do Medio Rural para a execución das actividades de recuperación, conservación e fomento da raza porcina Porco Celta, por un importe de 360.000 euros. Este convenio suporá un alivio para as dificultades económicas que atravesa a asociación.

Ademais, a Xunta Directiva informou na asemblea de que ASOPORCEL xa pode utilizar o logotipo de "Raza autóctona 100%", despois de ser autorizada pola consellería do Medio Rural e polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente.

Fonte: Campo Galego

Entrada publicada: 21/06/2016

Volver