Blog

Estamos aquí grazas aos porcos

Estamos aquí grazas aos porcos

Activista social e político, naturalista e veterinario de profesión, o ceense César Pérez Martínez é membro da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) e responsable dun singular programa de cría extensiva destes animais, que emprega o principio científico do reflexo condicionado de Pavlov na comunidade de montes de Nebra (Porto do Son) e agora tamén en Friol (Lugo).

¿Que ten a carne dos porcos que vostedes crían?

O porco celta é unha delicatessen cunhas características organolépticas impresionantes, e mellora ao crialo no monte. O porco é un animal monogástrico, que se come no monte produce graxas con un alto contido en ácidos graxos insaturados, e polo tanto, saudables. O celta non ten un rendemento cárnico grande, por iso estivo a piques de desaparecer, pero ten calidade e salubridade. Trátase do Porco do país, unha raza escollida polos que estiveron aquí antes que nós e polo tanto, todo un patrimonio xenético. Se miramos a historia do noso país, seguramente nos demos conta de que chegamos ata aquí grazas a estes porcos. Fronte a produción intensiva, que nos ofrece unha carne atrofiada e na que se abusa dos antibióticos, a carne do extensivo ten unha textura diferente porque procede de animais atléticos, e ten unha cor escura asociado ao seu alto contido en miohemoglobina. Sen esquecer as vetas de graxa que decoran os seus músculos para fácelos máis saborosos. Hai que dicir que a proteína muscular non ten sabor, depende das moléculas de graxa que atopamos entre as fibras musculares, para darnos esa sensación tan agradable na boca. Non pretendemos competir co intensivo, pero penso que si podemos atopar un nicho de comercialización diferente porque estás comendo saúde.

¿Como funciona iso do reflexo condicionado?

Consiste na recuperación do silvopastoreo tradicional coa aplicación das novas tecnoloxías. O que facemos no monte é un curro duns 2.000 metros cadrados cun sistema de alimentación automática e unha porta automática. Tamén hai unha caseta cuberta de placas solares e cos automatismos no seu interior. Os animais péchanse 15 días nese curro aprendendo que sempre despois de un sinal acústico cae a comida. Despois dese tempo de universidade, programamos o sistema para que abra a porta todos os días pola mañá, para que pasen o día rozando no monte. A tardiña recóllense coa chamada da comida, e cando están comendo péchase a porta. Tamén temos cámaras que podemos ver dende o noso teléfono móbil, así podemos permitirnos o luxo de ir ver os animais unha vez cada 15 días, por poñer un exemplo.

¿Realmente aliméntanse no monte estes animais?

Si, é o único animal que come na fieita, porque cómelle as raíces. Comen nas uces, na carqueixa, na folla das silveiras, na herba, nas landras, nas castañas,... É verdadeiramente impresionante ver como roen nos brotes do toxo. Estamos a falar dun omnívoro adaptado ao monte galego, todo un patrimonio xenético. Tamén comen unha mestura de cereais que formulamos os técnicos de ASOPORCEL e que é o que teñen no silo para funcionar de efecto chamada e recollelos ao serán. Isto supón unha terceira parte do súa inxesta diaria, e as outras dúas partes teñen que buscalas no monte. Ademais, no caso de aportarlles moita comida, deitaríanse e non traballarían o monte. Pois así é como viven dende a primavera ata fin do ano. Cando van ao matadoiro teñen 12-15 meses e 110-130 quilos en canal.

¿E non os come o lobo?

Non detectamos ningún caso, nin aparece pelo de porco nas feces de lobo que si atopamos e que teñen pelo de poldro e de xabarín. Polo momento o lobo parece que non se mete con eles, pero hai que ter en conta que son grupos grandes e que os porcos teñen un comportamento social de apoio gremial contra os depredadores.

Isto non se trata só de producir carne, senón de limpar o monte.

Por suposto, é o que fan. Dende que se acabou o de ir ao valume, estes animais e outros son os nosos aliados para rozar o monte. O silvopastoreo ten que ser un recurso de futuro e para iso a solución ideal sería a mestura dos porcos con outras especies como cabras, ovellas ou cabalos, que se complementan para aproveitar os recursos do monte.

Fonte: A Voz de Galicia

Entrada publicada: 02/01/2016

Volver