Blog

A Deputación busca financiamento para o proxecto de granxa escola de Armariz

La Diputación busca financiación para el proyecto de granja escuela de Armariz

O proxecto de crear unha granxa escola na leira que a Deputación de Ourense ten en Armariz (Nogueira de Ramuín) xa pechou a primeira fase e ovellas e porcos de raza pura galega xa contan cun novo acomodo nas dúas naves construídas na parte superior da quinta. A seguinte fase do proxecto sería derrubar algunhas das feas edificacións que se atopan á entrada da leira e nas que a Deputación pretende situar un centro de recepción de visitantes, pero o ente provincial aínda busca financiamento para continualo, segundo explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

Onte, a leira recibiu a visita da directora xeral de Produción Agropecuaria da Xunta, Patricia Ulloa. Conseguir o apoio financeiro da administración autonómica para seguir coa creación do parque temático sobre razas autóctonas é algo que intentará a Deputación, aínda que a visita de Ulloa onte tivo como obxectivo constatar sobre o terreo como se traballa na recuperación e cría das razas autóctonas, xa que Xunta e Deputación teñen un convenio respecto diso.

Nas dez hectáreas da leira de Armariz, a Deputación mantén actualmente unhas 300 cabezas de gando segundo explicou o veterinario do Inorde, Bernardino Domínguez, aos visitantes da administración autonómica, con catro liñas de ovino e outras tantas de caprino e cinco de porcino. Neste recinto, a Deputación ten os rabaños fundacionais da raza de porco celta. Só en alimentación gástanse cen euros diarios en penso, aínda que pronto disporán duns miles de patacas como complemento.

Está aumentando a poboación de cabra na granxa, aínda que é un proceso lento para seleccionar ben aos exemplares puros xa que os machos non transmiten a morfoloxía da raza autóctona, explicou o veterinario. Actualmente dispoñen de 50 cabras. A demanda de exemplares de é ovella galega alta entre os gandeiros, aínda que baixa a de porcino polo escaso rendemento económico que proporciona a súa carne, saborosa pero moi graxa para os estándares comerciais.

Fonte: A Voz de Galicia

Entrada publicada: 08/10/2015

Volver