Blog

Respaldo político, universitario e social a Slow Food en Vimianzo

espaldo político, universitario e social a Slow Food en Vimianzo"Levámonos unha gratísima impresión de Galicia". Así se expresou o secretario xeral de Slow Food Internacional, quen, acompañado dunha técnica, visitou o pasado fin de semana a comunidade galega. No transcurso das entrevistas e os encontros mantidos, puido constatar que o movemento mundial conta nesta terra dos mil ríos cun respaldo político e universitario.

O pasado sábado foi celebrado un encontro na casa de cultura de Vimianzo. No mesmo, participaron e mostraron o seu interese membros do grupo de investigación Acode-Ambiente da UDC; representantes da Fundación Lonxanet, algún restaurante local; un membro do Hotel Araguaney e estudantes do ramo, entre outros.

No encontro de Vimianzo, o veterinario asesor de Asoporcel, César Pérez, expuxo o proxecto de recuperación do porco celta, unha iniciativa que espertou un gran interese entre os membros de Slow Food Internacional.

Unha vez coñecidas as distintas iniciativas, Paolo di Croce explicou que os distintos departamentos de Slow Food Internacional estudarán a posibilidade de poder levar a cabo senllos proxectos Baluarte co porco celta e o millo corvo. Así mesmo,  en Italia valorarán a posibilidade de incorporar ao Arca do Gusto o congrio curado de Muxía, un traballo artesanal que coñeceron de primeira man, do mesmo xeito que o proceso do lino no castelo de Vimianzo, de man de Amigos do Liño.

O día anterior, responsables de Slow Food Internacional e do Convivium de Galicia mantiveron senllas entrevistas cos secretarios xerais de Medio Rural e Mar, quen se mostraron dispostos a apoiar os proxectos presentados.

Así mesmo, foron recibidos pola directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia, quen mostrou tamén o seu apoio e colaboración.

Fonte: O Correo Galego

 

Entrada publicada: 01/07/2015

Volver