Blog

A empresa Coporcel lanza o porco celta ao mercado internacional

A empresa Coporcel lanza o porco celta ao mercado internacional

A empresa lucense Coporcel deu un impulso á raza de porco celta, autóctona de Galicia, lanzándoa ao mercado internacional. Esta firma -que funciona desde o 2010 pero que no 2014 tomou un novo xiro comercial coa entrada de novos socios no accionariado- ocúpase de todo o proceso, desde a cría en explotacións galegas, ata a matanza, elaboración do produto e comercialización, segundo explicou o director xeral, Manuel Losada. Coa participación desta firma a pasada semana no Salón de Alimentación Atlántico de Silleda avanzáronse acordos comerciais con Italia, Alemaña, Escocia, México, Colombia e Brasil. Ademais, interesáronse por estes produtos profesionais de Xapón, China e Taiwan, tal e como avanzou José Anxo Castro, director comercial. A maiores, este fin de semana estarán presentes no Arde Lucus cun posto á beira do campamento romano da Praza Maior.

Nesta nova etapa, Coporcel conta co asesoramento do chef executivo Héctor López, cociñeiro do Grupo Nove e responsable do Restaurante España. Este profesional destacou a calidade da carne de porco celta: "Conta cunha infiltración de graxa moi importante na carne, algo que é moi complicado de conseguir. Esta graxa de gran calidade e sabor, presente no porco celta grazas a que son animais criados ao aire libre, e a exclusividade destes produtos, dan un valor engadido moi importante aos pratos", destacou.

A explotación principal de Coporcel atópase en Santalla (Triacastela), pero contan con outras leiras por toda Galicia, sobre todo na provincia, de Coporcel ou xestionadas por gandeiros cos que a empresa chegou a acordos.

Losada destacou as virtudes da carne de porco celta, á que cualificou como "un manxar de lenda en perigo de extinción". Os animais teñen un crecemento moi lento e se crían ao aire libre, "cun modo de crianza tradicional, en grandes leiras e en sotos de castiñeiro"», apunta. En canto aos produtos que comercializan, Losada explica que, ademais dos artigos tradicionais, como os embutidos, apostaron por outros delicatesen, como latas de cocido específico de porco celta ou botes de labras de porco celta con aceite.

O director xeral tamén destacou a proxección desta empresa, que pretenden que se traduza o ano que vén en oito postos de traballo directos e 45 indirectos.

Fonte: A Voz de Galicia

Entrada publicada: 19/06/2015

Volver