Blog

Monte Cabalar innova cun paté a base de carne de poldro

Monte Cabalar innova cun paté a base de carne de poldro

Desde o ano 2011 a cooperativa estradense Monte Cabalar produce embutidos con carne de porto, comezando co salchichón que se pode atopar en varias tendas da localidade e noutras cidades como Santiago, Pontevedra ou Vigo. A partir de entón na cooperativa estiveron traballando para innovar máis produtos e para conseguir introducir a carne de poldro no mercado, algo que aseguran é difícil porque "existen barreiras culturais, xa que a xente ve ao poldro como un animal de compañía". Estas barreiras culturais están a intentar rompelas, e por iso utilizan todos os medios dispoñibles para promocionar o seu consumo acudindo a diferentes feiras, catas organizadas con máis cooperativas ou incluso regalando o produto alá onde van. Os turistas, por outra banda, son máis receptivos á hora de probar, e incluso empresarios holandeses estiveron a piques de levar o embutido para o seu país, pero finalmente o negocio non puido concretarse.

Nestes momentos á produción de salchichón de poldro, que tras un estudo realizado comprobaron que ten menos graxa e máis proteínas e ferro que as carnes que se comen habitualmente, sumouse o chourizo de poldro e de porco celta, a chacina de poldro e estase perfeccionando unha crema para untar, estilo paté, a base de carne de poldro con fariña de castaña e aceite de oliva virxe. Esta crema indican desde Monte Cabalar foi moi ben recibida cando acudiron á Praza de Abastos de Santiago de Compostela durante as xornadas Compostela Gastronómica, "fomos para dala a coñecer, pero non esperabamos que as vendas fosen tan numerosas, aos 30 minutos tivemos que chamar para que nos trouxesen máis". A chacina é outro dos produtos elaborados que teñen unha gran demanda, pero neste caso só hai stock na tempada que se elabora, polo que aínda que ten boa saída no mercado non se dispón de moita cantidade.

Nestes momentos Monte Cabalar conta nas súas filas con 363 asociados, a maioría deles, máis de 200, son os fundadores propietarios dos terreos pero o resto fóronse sumando ao proxecto despois de que se abrise a posibilidade de que participasen socios capitalistas. Monte Cabalar conta nas súas terras con cabalos, dúas razas de vaca, loura galega e caldelá, e porcos celtas, pero se sostén a idea inicial, manter os montes limpos para previlos de incendios e que os animais poidan habitalos libremente.

Fonte: A Voz de Galicia

Entrada publicada: 23/01/2015

Volver