Blog

Santa Cristina de Cobres quere criar porco celta

Santa Cristina de Cobres quere criar porco celta

Santa Cristina de Cobres está a piques de renderse ante o porco celta. E non é para menos, tendo en conta que todo son vantaxes. Polo menos, ese é a formulación inicial que a xunta reitora da Comunidade de Montes presentará aos membros do colectivo na reunión informativa que se celebrará o próximo día 15 e que presidirá o coordinador xeral da Asociación de Gando Porcino Celta (Asoporcel), José Antonio Carril.

Esta será a convocatoria previa á asemblea que terá lugar o 1 de febreiro, no que a directiva proporá aos comuneiros habilitar parte do monte do Cabalo para esta cría.

A idea sería montar inicialmente "unhas instalacións para acoller a 50 ou 60 animais que terían a súa disposición unhas 10 hectáreas de monte, arborado principalmente de castiñeiros", segundo adiantou o presidente dos comuneiros, César Blanco . Esta elección dará, ademais, aos terreos, "un valor engadido ao prezo final da carne de porco celta, un producto con gran rendemento económico grazas á súa excelente calidade, apreciada tanto dentro como fóra de Galicia", engadiu.

Esta construción non prexudicaría, matizou, aos membros do colectivo, xa que o perímetro das dez hectáreas, "aínda que estaría pechado cun valado cinexético, permitiría o paso libre aos comuneiros para facer aproveitamento das castañas como se ven facendo habitualmente".

Seguen as vantaxes: "As instalacións totalmente automatizadas non precisan de mantemento por parte de persoal, xa que se xestionan mediante unha aplicación para teléfonos móbiles, e os animais están controlados en todo momento por videovixiancia e incluso colares GPS nos líderes dos distintos grupos que se formen", adiantou Blanco .

Os directivos da comunidade xa acudiron a finais do mes pasado a un criadeiro destas características na parroquia de Nebra, no municipio coruñés de Porto do Son.

Alí, explicou, puideron comprobar de primeira man como o sistema empregado, "totalmente automatizado, prepara os animais para que durante o día anden polo monte libremente, pero a unha hora determinada regresen ao recinto pechado onde pernoctan e están controlados mediante cámaras de vixiancia".

"O proxecto baséase no aproveitamento da cría en extensivo destes animais, como axuda aos traballos de silvicultura, xa que controlan o crecemento da matogueira no monte", concluíu o responsable da Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres.

Fuente: La Voz de Galicia

Entrada publicada: 12/01/2015

Volver