Blog

Entrevista David Rodríguez: Ofrecemos pratos como o galo de Mos estufado ou o leitón de Porco Celta

Entrevista David Rodríguez: Ofrecemos pratos como o galo de Mos estufado ou o leitón de Porco Celta

David Rodríguez Pérez, ourensano de 38 anos e que leva traballando no sector da hostalaría dende o ano 1998, é o novo xerente do restaurante Pazo Canedo dende o pasado 10 de setembro.

Cales son os obxectivos que se marcou para esta nova etapa do establecemento?

O Pazo Canedo é todo un referente da restauración provincial dende hai máis de 20 anos e o que pretendemos é seguir mantendo esa posición destacada dentro do sector. Contamos cun recinto privilexiado, cunha construción tradicional e varios patios e espazos diversos onde acoller tanto a xente que acode a degustar os pratos da nosa carta como os que queren gozar as súas vodas, bautizos ou comuñóns no noso anexo para celebracións ou desenvolver as súas comidas de empresa no reservado.

Cales son os produtos que pode encontrar o cliente?

A nosa aposta é polos produtos de tempada, tanto en carnes coma en peixes. Por exemplo, agora que estamos en tempada de caza e cogomelos, temos varios pratos que ofrecen variedade de opcións neste apartado.

Tamén é especialmente importante a atención ao cliente.

Contamos cun equipo de nove persoas, aínda que nos fins de semana ou datas sinaladas reforzamos o persoal. Falamos de persoal cualificado e con anos de experiencia no sector, que busca que os nosos clientes se encontren a gusto e gocen do establecemento.

Hai algún prato destacado?

Dentro da carta ofrecemos un menú degustación, con catro pratos e unha sobremesa por 24 euros, todo iso a base de pratos tradicionais con algún toque de modernidade, pero que non enmascare os sabores. Traballamos peixes do día, como robaliza, rodaballo, linguado... A pa de cordeiro e a tenreira á galega son outras dúas das nosas especialidades. E tamén destaca a nosa aposta por pratos elaborados a base do autóctono, como o galo de raza de Mos estufado ou o leitón de porco celta. O noso obxectivo é que a xente que acode ao Pazo Canedo probe os nosos pratos e regrese outro día para degustar algunha outra suxestión.

Como está a responder a xente?

A verdade é que non podemos queixarnos; no capítulo de ceas de empresa, por exemplo, estamos a recoller pedidos xa para os meses de novembro e decembro.

Fonte: La Región

Entrada publicada: 27/10/2014

Volver