Blog

A Cañiza envórcase coa cría do Leitón de Porco Celta

A Cañiza envórcase coa cría do Leitón de Porco Celta

O Concello da Cañiza e a Asociación de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta, en colaboración coa Comunidade de Montes de Petán, xestora e promotora da explotación extensiva de porco celta, organizan a primeira Xornada de Leitón Celta da Cañiza, pasadomañá xoves, 24 de abril. Xornada, á que foi invitado o ata agora ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete e que ademais dunha visita á propia explotación nas carballeiras de Petán, incluirá a presentación e posterior presentación de produtos derivados do porco celta, a cargo dos técnicos veterinarios de Asoporcel, nas instalacións do Pozo.

A iniciativa, que naceu en 2012 como unha solución a curto prazo para paliar o problema de abandono de terreos e montes, estase a converter en todo un exemplo de proxecto de futuro na zona do Deva, na parroquia cañicense de Petán. A singular explotación extensiva de Porco Celta, está a ser promovida e xestionada pola Comunidade de Montes de Petán e aglutina xa 88 propietarios de parcelas deste enclave rural situado no municipio da Cañiza. Comuneros cuxo único interese era e é que os seus terreos fosen produtivos e se mantivesen limpos como o mellor control contra incendios forestais indesexados. Estes 88 comuneros decidiron ceder gratuitamente as súas parcelas para a cría e ceba do Porco Celta, conseguindo anexionar máis de 1200 pequenas parcelas, que a día de hoxe suman un total de 90 hectáreas de terreo e convertendo o proxecto en pioneiro en toda Galicia xa que non existe ningún outro dedicado á explotación gandeira de porcino destas características. Grazas a unha primeira subvención do Agader con fondos da UE e o aval do Grupo de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta, o proxecto foi arriba e conseguíronse as infraestruturas precisas para a posta en marcha desta iniciativa empresarial e a creación dunha cabana porcina con 110 porcos seleccionados entre os mellores exemplares para garantir unha xenética auténtica e de excelente calidade. Animais, que se adaptaron aos montes de Petán de forma asombrosa e moi rapidamente. En 2013 alcanzáronse picos de produción que superaron os 350 animais. En 2014, contando con 17 porcas nais, prevese duplicar a cifra e comercializar os produtos.

Fonte: Diario Atlántico

Entrada publicada: 22/04/2014

Volver