Blog

Os produtores de porcino valoran o plan de cruzamento de razas, pero veno a longo prazo

Os produtores de porcino valoran o plan de cruzamento de razas, pero veno a longo prazo

Os produtores de porco dezanos avalan o proxecto do Concello de Lalín relativo ao cruzamento de razas porcinas para alcanzar unha animal cunhas condicións mellores para a gastronomía, tomando como referencia o porco celta. As Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS) de Silleda e a de Deza, con sede en Lalín, son as organizacións representativas do sector e, aínda que sosteñen que a proposta científica pode ser vantaxosa, advirten de que as conclusións chegarán moi a longo prazo.

Felisindo Mon preside a ADS dezana, que aglutina produtores de Lalín, Rodeiro, Dozón, Agolada e algúns trasdezanos e sostén que o cruzamento de razas pode ser positivo. "Cando sae unha liña nova case sempre é interesante, pero está claro que isto vai para longo". Mon ve clave que para o desenvolvemento do cruzamentos se tome como referencia o porco celta nas nais, mentres que, ao seu xuízo, o denominado macho finalizador, podería saír das razas xa existentes, e que entrarán neste proceso de investigación, pietrain ou landrace. "Para o porco celta, salvo algúns casos, non hai moito mercado, pois é un animal que ten moita graxa e a industria prefire outras razas". Mon pon como exemplo algunhas empresas cárnicas lalinenses, das máis importantes de Galicia, que realizan os seus elaborados con landrace (femias) e machos da raza pietrain,en o proxecto lalinense tamén se recorrerá a machos das razas duroc e mangalica.

"A idea parece ben enfocada", resalta o presidente da ADS de Silleda, Luis Vidal. Este produtor coincide con Mon en que o proceso será longo, pero "todo o que se faga neste sentido vai ser bo". Di que a tendencia cambiante, en ocasións, do mercado podería deixar un espazo para este novo modelo de porco e que quizais poida ter cabida en pequenas explotacións tradicionais. A proposta inicial do Concello pasa por que as explotacións sexan en estabulación libre.

O sector do porcino nas bisbarras ten un notable peso, aínda que algúns produtores tiveron que facer fortes investimentos para cumprir coa lei de benestar animal. Segundo o último censo da Xunta, as explotacións dezanas contan con 249.095 cabezas, das que 235.717 son de porcos de cebo e as restantes 13.378 de nais. En Tabeirós o censo é só de 10.599 animais, dos que 8.486 son de cebo.

Fuente: Faro de Vigo

Entrada publicada: 12/04/2014

Volver