Blog

A Xunta destina 140.000 euros para fomento do Porco Celta

La Xunta destina 140.000 euros para fomento del Porco Celta

O Consello da Xunta autorizou este xoves a firma dun convenio de colaboración da Consellería do Medio Rural e do Mar co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) para o fomento das razas gandeiras autóctonas en perigo de extinción, ao que destina 140.000 euros para distribuír nos anos 2014 e 2015.

Esta cantidade está cofinanciada a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O convenio ten como obxectivo "continuar coa execución de actividades destinadas ao mantemento de rabaños fóra dos seus hábitat naturais e está destinado ás razas ovella galega, cabra galega e porco celta", explica a Xunta. As actuacións que inclúe baséanse no mantemento dos rabaños fundacionais das tres razas, que están nas instalacións do Inorde en Armariz (Nogueira de Ramuín), co fin de asegurar a súa viabilidade xenética.

Ademais, a través desta colaboración, entre outras tarefas, o instituto aplicará un programa de reprodución específico para cada especie, multiplicando o número de animais en cada un, e xestionará a repartición de exemplares destas razas entre os gandeiros solicitantes. A consellería participará na coordinación técnica das actuacións e custodiará os bancos xenéticos das razas autóctonas, entre outros labores. A vixencia desta colaboración é de dous anos e rematará o 15 de outubro de 2015.

Fonte: O Pais

Entrada publicada: 21/03/2014

Volver