Blog

Vinte artesáns participan na feira da Festa do Porco Celta de Manzaneda

Cartel Xornadas Porco Celta Manzaneda 2014

Un total de 20 artesáns participan na mostra de artesanía que se celebra este fin de semana en Manzaneda como complemento ás Xornadas de recuperación do Porco Celta. Ademais dos postos nos que poder mirar e comprar, haberá demostracións en directo do traballo dun oleiro e un ferreiro. Todos estarán na exposición que abrirá as súas portas ás once da mañá no pavillón polideportivo, e que dará paso á matanza ao estilo tradicional que se realizará no exterior do edificio pouco despois. O programa seguirá cunha parva, o almorzo típico da matanza, que inclúe embutidos varios e viño. Xa ao mediodía, as Xornadas seguirán nos dous restaurantes do centro urbano, Pendón e Nevada, nos que hoxe e mañá servirase como menú un cocido con produtos de porco celta. O prezo do prato é de 25 euros, e aínda pode lograrse mesa para este fin de semana, no que se espera que máis de 200 persoas gocen das xornadas.

A mostra de artesanía continuará pola tarde, e inclúe unha charla sobre a cría do porco celta. Xa mañá, o programa, similar ao de hoxe, inclúe (en horario matutino), un concurso de cociña no que os participantes deberán elaborar un prato co porco celta como protagonista.

As Xornadas e a Mostra de Artesanía están organizadas pola Asociación do Porco Celta de Manzaneda co apoio do Inorde, a Deputación e o Concello.

Fonte: A Voz de Galicia

Entrada publicada: 11/01/2014

Volver