Blog

Manzaneda abre o ano gastronómico coas Xornadas de Porco Celta

Festa Porco Celta Manzaneda

Manzaneda é a encargada de abrir este 2014 gastronómico na provincia. E faino apostando polo cocido, o prato estrela nestes días de frío e choiva, que neste caso vén acompañado de carne de porco celta, o verdadeiro protagonista das Xornadas que desde hai sete anos organiza a Asociación de Porco Celta de Manzaneda. Unha cita co estómago que se complementa coa Mostra de Artesanía que estará aberta no pavillón.

O programa segue un cartel similar a anos anteriores. O sábado ao fío das once da mañá abrirá as súas portas o polideportivo para dar a benvida aos artesáns, que ofrecerán produtos diversos que van desde gastronomía a complementos de coiro, liño ou la, entre outros materiais; sen esquecer os obxectos de decoración. Un espazo no que poder mirar, descubrir e comprar. Media hora máis tarde, no exterior, terá lugar unha matanza ao estilo tradicional, que incluirá a parva, un almorzo a base de embutidos e viño.

Pasada a mañá, a festa trasladarase aos restaurantes do centro urbano. Nevada e O Pendón ofrecerán un menú a base de cocido no que haberá chourizo, androlla, lacón (todo de porco celta), verdura, garavanzos... Todo por un prezo de 25 euros. As reservas deben xestionarse directamente nos propios restaurantes, que ofrecerán o menú o sábado e o domingo. Tamén a mostra de artesanía volverá abrir o domingo.

Rematada a comida, reabrirán os postos do pavillón. Ademais, o sábado ás sete haberá unha charla a cargo de Asoporcel, a asociación de criadores de gando porcino celta.

Fonte: A Voz de Galicia

Entrada publicada: 07/01/2014

Volver