Blog

Pontevedra, o cliente vip do Porco Celta de Beariz

Aproxímanse as matanzas de porco caseiras e este ano a venda do Porco Celta de Beariz non alcanza as cifras do pasado ano, en que se pechara a tempada con 160 exemplares vendidos a particulares. Aínda que aínda faltan días para a época en que se produce a maioría das matanzas, coincidindo fundamentalmente coa ponte da Constitución, a principios do próximo mes de decembro, polo momento a demanda apenas supera a trintena de cabezas.

Porco Celta BearizO responsable da explotación situada nos montes de Lebozán, José Balboa, asegura que nos últimos anos a compra se iniciaba a principios de outono co fin de concluír a crianza do animal en terreos particulares. 'Só vendemos a quen sabemos que ten un espazo axeitado e coa alimentación que é conveniente', sinalaba Balboa, que confía en que a demanda se remonte no que queda de ano. De non ser así, declara que 'agora teñen de 10 a 11 meses, se non hai venda quedarán para o próximo ano, porque con dous anos de vida a carne é moito mellor'.

Os compradores maioritarios proceden da provincia de Pontevedra, de lugares como Mondariz, Ponte Caldelas, Vigo ou Marín, xa que do interior de Ourense a demanda é bastante inferior.

Nese sentido, José Balboa manifestaba que 'a maioría dos compradores e dos visitantes de Beariz son da costa, e iso que temos un importante déficit en vías de comunicación con esa provincia'.

Entrada publicada: 27/11/2013

Volver