Blog

O porco adáptase moi ben á vida no monte

César Pérez Martínez ASOPORCEL

César Pérez Martínez é veterinario de Asoporcel (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta). Onte participou na xornada técnica sobre o sector que se celebrou en Fonteboa. Expuxo a experiencia da entidade no relativo do aproveitamento do monte.

¿En que consiste a experiencia posta en marcha pola entidade?

É un modelo de produción en extensivo e relacionado co reflexo condicionado. Mantemos os animais encerrados nun recinto de 2.000 metros cadrados no monte. Durante eses días dáselles de comer tras un sinal acústico, co que se afán. Ao cabo das dúas semanas soltámolos ao monte para que coman o que poidan e chamámolos para darlles o penso. Trátase dun sistema automático que funciona con enerxía fotovoltaica. Trátase dun proxecto de I+D+I.

¿Onde o desenvolveron?

En Nebra, en Porto do Son. É recente porque se presentou a finais do 2012.

¿Como está a funcionar?

Moi ben. Transforma o monte en carne. A instalación cámbiase de lugar cada ano e a calidade da carne que obtemos é moi boa, moi parecida á do porco ibérico.

¿Pode instalarse en calquera monte?

Nós temos máis de 300 socios en Galicia e aumenta en número de comunidades que están a instaurar a voltas destes animais ao monte. Conséguese, por unha parte, a produción de carne dunha gran calidade e, pola outra, o mantemento das parcelas forestais en bo estado, o que evita que se propaguen os incendios.

¿Que é o que comen?

Os que encontran herba, toxo, fentos, carrasca... O que sexa. O porco adáptase moi ben á vida no monte.

¿Parecen bos limpadores.

É unha raza autóctona. Grazas ao porco estamos nós aquí. Conseguiu adaptarse a estas circunstancias e funciona moi ben. A idea é poñer en valor o que se fixo de forma tradicional

¿Hai experiencias na Costa da Morte?

Realizáronse experiencias anteriores de cría de porco celta en extensivo en Muxía. Corcubión e Coristanco, pero hai zonas de Galicia onde hai moitos máis.

¿Por que?

Porque houbo máis iniciativas noutras zonas. Nada ten que ver a xeografía, porque é un animal que se defende ben en toda Galicia.

¿Resulta rendible?

Si, hai produción de carne ao mesmo tempo que se coidan os montes.

¿Canto custa?

A instalación está valorada nuns 30.000 euros, aos que hai que engadir uns 50 animais. Os equipos pódense amortizar ao cabo de 20 anos, pero evítanse incendios.

¿Cantos porcos son necesarios por hectárea?

A lei establece que pode haber ata 15, pero nós consideramos que o ideal é ter 3 ou 4 para coidar ben o monte e non rematar co sotobosque.

Entrada publicada: 14/11/2013

Volver