Blog

O Porco Celta encontra mercado nas matanzas

Exemplares de porco celta criados nos montes de Beariz

O descenso progresivo da cría de porco caseiro está a beneficiar o proxecto que emprendían o pasado ano os veciños de Beariz, impulsores dunha explotación de porco celta, abrindo mercado cara aos particulares interesados en adquirir un exemplar, fundamentalmente nesta época na que tradicionalmente se realizan as matanzas.

A tímida inmersión neste terreo durante o pasado ano supúxolles unha venda de aproximadamente 30 animais, que nestes momentos xa superaron de sobra, alcanzando o medio centenar de encargos, que se iniciaban durante o pasado mes de novembro e se estenden ata febreiro do próximo ano.

Un dos responsables da explotación, José Balboa, tamén concelleiro do grupo de goberno de Beariz, institución que apoia esta iniciativa gandeira, valoraba o feito de que 'o 90% dos compradores do pasado ano repetiron e a eles se están a sumar outros moitos'.

A demanda procede fundamentalmente de distintos lugares da costa de Pontevedra, pero tamén da provincia de Ourense, e máis concretamente da bisbarra de Carballiño. Unha gran parte da produción do porco celta deste municipio de Beariz destínase á elaboración de embutidos, para o que contan cunha empresa carballiñesa, que transforma tres cabezas por semana e, ademais da demanda industrial de carne, agora se abre este novo camiño co aumento progresivo de compradores particulares.

José Balboa asegura que con esta nova vía de comercialización xunto coa destinada a embutidos xa teñen cuberto o 80% da produción anual.

Os particulares poden elixir entre varias alternativas, xa sexa adquirindo vivo o animal, a catro euros o quilo, ou coa transformación parcial ou completa.

Entrada publicada: 08/12/2012

Volver