Blog

Un estudo da EPS analiza os beneficios da gandería extensiva de Porcos Celtas en soutos

Porcos Celtas

O grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo comezou en 2005 a traballar nun estudo sobre a explotación de porcos celtas en soutos de castiñeiros. O equipo, dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro, analiza as cargas gandeiras idóneas para que a actividade sexa economicamente rendible e respectuosa co medio ambiente, e outras variables como o manexo axeitado dos animais, o control do mato no sotobosque, os efectos sobre o solo ou os posibles danos ás árbores nese tipo de contorno. "O obxectivo é recompilar toda a información precisa para transferirlla ás explotacións xa existentes e para que as novas que se vaian creando sexan viables técnica, ambiental e economicamente", indica Rigueiro.

Recentemente este equipo viu aprobado por parte da Consellería do Medio Rural o seu proxecto 'Sistemas silvopastorais con porco celta en soutos de castiñeiros: produtividade e efectos sobre a vexetación do sotobosque, o arborado e o solo', o que garante a continuidade do estudo durante tres anos máis. Os labores realizaranse nunha parcela de 16 hectáreas de castiñeiros vellos e matogueira (toxos, silveiras, fentos...) localizada na parroquia de Goo (O Incio, Lugo). Ademais de Rigueiro, a investigación está dirixida pola profesora Rosa Mosquera Losada, e nela participan tamén a profesora Pilar González Hernández e o tecnólogo José Javier Santiago Freijanes. Este estudo realízase en colaboración coa sociedade cooperativa Porco Celta O Incio.

Outra liña de traballo, tamén aprobada pola Consellería, permitirá estudar o emprego de porcos celtas en montes da comarca coruñesa do Barbanza. Esta segunda investigación ten un carácter máis novidoso, xa que se realiza nun monte de eucalipto, piñeiro e matogueira que ardeu recentemente, e ten como obxectivo demostrar que os porcos celtas poden adaptarse a outro tipo de ecosistemas ademais do souto. Segundo Rigueiro, "a única diferenza é que nos soutos comen as castañas que caen das árbores, e neste caso hai que levárllelas". Este estudo realízase en colaboración coa Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel).

O 'pata negra' galego

Desde o punto de vista da produción animal, a vantaxe está na altísima calidade da carne dos porcos celtas alimentados con castañas. "Se as castañas entran na dieta dos porcos no período de ceba e na proporción adecuada, as características organolépticas dos produtos cárnicos son excepcionalmente boas", explica Rosa Mosquera. O produto estrela, o xamón, ten graxa infiltrada no magro e unha alta proporción de ácidos graxos monoinsaturados (as graxas cardio saudables), o que lle confire un extraordinario sabor, comparable ao do porco ibérico de landra. A carne de porco celta criado en réxime extensivo e algo máis cara que a de porco de granxa, pero a diferenza de calidade compensa sobradamente a diferenza de prezo. A modo de exemplo, o prezo dun xamón de porco celta pode duplicar ou triplicar o dun xamón corrente, pero custa a metade que un de porco ibérico de landra.

Ao mesmo tempo os animais, coas súas dexeccións, abonan os solos e os castiñeiros aprovéitanse dos fertilizantes que achegan; e fozando laborean o solo, o que mellora a capacidade de infiltración de auga e facilita a rexeneración natural dos castiñeiros. Finalmente, a eliminación de parte da vexetación do sotobosque pola presenza dos porcos reduce a competencia que o mato fai ás árbores na procura de auga e nutrientes do solo.

Este uso combinado do monte produce outro beneficio: conservar os recursos xenéticos do país, como a raza porcina celta e ducias de variedades de castaña espalladas polos soutos galegos. E, por outra banda, ponse en valor un ecosistema, o dos soutos, moi importantes no pasado en Galicia, pero que actualmente están abandonados en moitos lugares, ademais de reducir o risco de incendio ao diminuír o volume de vexetación baixo as árbores.

Os prexuízos para o monte son escasos e asumibles: en terreos inclinados pódese perder solo por erosión, xa que os porcos ao fozar poden deixar ao aire as raíces superficiais das árbores; os animais tamén poden danar a casca da parte baixa do tronco, e a rexeneración do arborado tamén se ve afectada, así como a vexetación do sotobosque. Segundo Mosquera, "estes problemas poden controlarse mediante unha carga gandeira axeitada, colocando protectores nas árbores e plantas que nos interesa conservar, ferrando o fociño dos porcos para que non focen tanto ou establecendo sistemas de manexo cos que os animais estean no monte soamente nos meses de caída das castañas".

Cálculo da carga gandeira

Na investigación ensáiase con dúas cargas gandeiras diferentes: 5 e 10 porcos por hectárea, co fin de poder facer recomendacións en relación coas cargas máis axeitadas. Cargas moi altas non son compatibles coa conservación do medio ambiente, xa que provocan máis danos, non teñen suficientes castañas para a súa alimentación e non poden recibir axudas da UE para a gandería extensiva.

Nos modelos que propón o equipo de traballo, os porcos están todo o tempo no monte (desde os tres meses cos que se introducen ata o sacrificio). Co fin de incrementar a rendibilidade destes sistemas, no futuro preténdese estudar outros modelos que poden permitir utilizar cargas altas con danos asumibles, como por exemplo a crianza dos animais en cortes e a introdución no monte só os tres ou catro últimos meses antes do sacrificio, é dicir, durante o período de ceba, cando é importante que entren na dieta as castañas.
 
A perda de rendibilidade que supón destinar as castañas a alimentación animal no canto de comercializalas tampouco é obstáculo para decantarse por este tipo de actividade. Así o explica Antonio Rigueiro: "O ideal sería que os porcos comesen só as castañas de mala calidade, como se facía no pasado, cando tras recoller as boas se levaban os porcos aos soutos para aproveitar as máis cativas. Pero na actualidade vivimos nun escenario ben distinto: moitos soutos están abandonados e non hai quen realice os tratamentos que requiren, coma o anovamento das copas; por non haber, xa nin sequera hai quen recolla as castañas de moitos soutos".

Entrada publicada: 23/10/2012

Volver