Blog

O programa de desenvolvemento rural galego, o mellor xestionado de España

Porco Celta

O director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia que o programa de desenvolvemento rural de Galicia é o mellor xestionado de España.

O representante da Xunta compareceu hoxe en comisión parlamentaria para informar dos programas de promoción de razas autóctonas en perigo de extinción.

Álvarez Robledo subliñou a xestión realizada nos tres primeiros anos da lexislatura, que permitiu -dixo- a consolidación destes programas, fronte á "manía doutros de aprobar axudas sen apoio presupostario e deixar que paguen outros".

O director xeral valorou o caso dalgunha das razas, con "clara vocación comercial", cuxas explotacións ven a posibilidade de camiñar se o apoio da administración, como a Galiña de Mos ou o Porco Celta.

O voceiro da Xunta subliñou o "éxito e avance" do programa de razas autóctonas, reiterou a boa xestión do PDR desenvolvida en Galicia, que supera a media española, e sinalou que o Executivo aspira á súa "plena execución", pois "o ritmo que leva indica que será así".

Para a socialista Sonia Verdes manifestouse sorprendida porque o director xeral "rebaixase" o ton do "modelo forestalista do PP" e dixo que se trata dun discurso que "non" é crible" despois de tres anos de Goberno.

Para a deputada da oposición, a Xunta non mostrou compromiso con estas explotacións, " senón todo o contrario", ao utilizar a tesoira e recordar, en particular, as partidas para a gandaría extensiva e razas autóctonas.

Neste sentido, cifrou en 10 millóns de euros os recortes en partidas de gandaría sostible.

A nacionalista Tereixa Paz resaltou que dende 2005 a 2008 houbo unha evolución positiva das razas autóctonas, nalgúns casos do 100 por cento, e que os gandeiros manteñen a súa demanda de axudas, pero criticou que en 2009 xa non se aceptaron os que non se rexistraran o ano anterior.

Neste sentido, sostivo que a Xunta o que fixo foi seguir as liñas que estaban abertas, aínda que recoñeceu que non todas foran "inventadas polo bipartito".

Pola súa banda, a deputada do PP Isabel García Pacín acusou ás parlamentarias da oposición de non ser realistas ao non ter en conta "os recortes dos presupostos socialistas" e valorou os resultados desta lexislatura, "de acordo coas disponibilidades presupostarias".

Entrada publicada: 01/03/2012

Volver