Blog

Xa hai restaurantes que están a dar porco ibérico por celta

José Luis Antelo

José Luis Antelo Amigo empezou a criar porco celta no ano 2003. Entón tiña un macho e dúas nais, hoxe xa son 30 nais e unha produción constante. Home inquedo que cre no produto co que traballa, foi o organizador das cuartas Xornadas do Porco Celta que se celebraron hai uns días en Corcubión e que se completaron cunha charla sobre o movemento Slow Food e cunha degustación de porco celta con moita fluencia de público.

-¿Cal é o vínculo entre o porco celta e o Slow Food?

-O porco celta é un dos tres produtos galegos que está no que se denomina a Arca do Gusto, xunto co millo corvo e centola de Lira. Son alimentos que ou ben proceden de animais en perigo de extinción ou que se capturan dun xeito selectivo, como a centola de Lira, e que ademais teñen unha calidade excepcional e non están amparados en ningunha denominación de orixe ou outra marca de garantía.

-¿E que tal lle vai ao porco celta a nivel de produción en Galicia?

-E un dos produtos que teñen unha mellor perspectiva de mercado entre outros moitos autóctonos como pode ser a galiña de Mos. Actualmente en Galicia hai unas 750 nais, unha cifra que semella pequena se se compara coas granxas industriais que poden ter mil nais, ou máis, de porco. Nós imos a bo paso, pero aínda algo lento.

-¿Que se está a facer con esa especie no mercado?

-Co porco celta facemos infinidade de historias. Ao principio moitos apostaron polo xamón, nós dixemos que tería máis saída en fresco ou salgado, e coido que acertamos. De feito, agora coa crise, onde menos notamos o baixón é na venda de celta. Co xamón era moi difícil. Outros lévannos 40 anos de vantaxe.

-Cada vez é máis coñecido.

-Aínda que hai que labrar máis nese campo. Pero xa hai restaurantes que están a dar porco ibérico por celta, algo que ninguén diría hai uns anos, cando empezamos.

-¿Por que se decidiu a criar e comercializar esa especie?

-Hai que innovar, darlle ao cliente o que demanda, buscar cousas distintas, darlle voltas. Hai uns anos a xente viña a comprar carne en sacos. Agora non, e hai que buscar un bo produto diferenciado. Quen quere calidade, compra porco celta, porque é un animal que se cría doutra maneira, en liberdade, e que ten un proceso de crecemento máis lento que outras variedades de porco.

Entrada publicada: 15/11/2011

Volver