Blog

A Xunta organiza unha xornada de promoción gastronómica de razas autóctonas en perigo de extinción

Porco Celta Silleda

A Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, programou para o próximo 3 de novembro en Silleda (Pontevedra) unha xornada de promoción e posta en valor, dende o punto de vista gastronómico, dos produtos derivados das razas autóctonas.

O evento terá lugar na Feira Internacional de Galicia, cunha orientación exclusivamente profesional e técnica, cun aforamento limitado a persoas vinculadas con sectores da hostalaría, a carnizaría, o turismo ou a venda 'delicatessen'.

Nesta xornada farase unha presentación das razas galegas en risco de desaparición na que un técnico da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) expoñerá a calidades e as características destas.

Ademais, haberá varias mesas técnicas centradas tanto nos animais coma nos alimentos derivados destes, que conducirá o Centro Tecnolóxico de Carne, que depende de Medio Rural.

Xunto a isto, farase unha exposición paralela de varios exemplares de razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, como as bovinas Cachena ou Limiá, así como do Porco Celta ou a Galiña de Mos.

Entrada publicada: 22/10/2011

Volver