Blog

O Porco Celta sostén cada vez máis economías galegas

Jamon Porco Celta

O Congreso Mundial do Xamón que se clausurou onte en Lugo supuxo un impulso importante para a raza autóctona Porco Celta. Segundo explicou o coordinador de Asoporcel, José Antonio Carril, este tipo de explotacións manteñen cada vez máis economías galegas e supoñen un complemento importante para as familias. Niso inflúe, di Carril, entre outras cousas, a «facilidade» para poñelas en marcha.

Os primeiro que hai que facer para ter unha explotación de Porco Celta é obter autorización. É necesario ir á oficina agraria comarcal e pedir un permiso gratuíto para explotación de porcino familiar ou reducida -se se solicita para explotación industrial é máis complicado-, que autoriza ter cinco reprodutores e os seus descendentes. Despois hai que darse de alta en Asoporcel e cumprir unha serie de requisitos no manexo e alimentación dos animais para poder contar co distintivo que achega a marca Porco Celta.

A propia delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou onte na clausura do congreso o «importante volume de negocio» que xeran as explotacións de Porco Celta en Galicia, que o ano pasado ascendeu a 1,8 millóns.

Entrada publicada: 24/09/2011

Volver