Blog

O porcino galego aposta pola exportación, que lle reporta xa uns 190 millóns anuais

Porco Celta

O xamón vende. A súa internacionalización foi posta como exemplo, na primeira xornada do Congreso Mundial, do camiño que deben seguir outros sectores para paliar a crise. «O reto é seguir crecendo en calidade, competitividade, prestixio e eliminar barreiras comerciais», asegurou onte a directora xeral de Industria e Mercados Alimentarios do Goberno central, Isabel Bombal.

Neste foro internacional, que reunirá ata mañá 480 congresistas duns catorce países, xa se iniciaron onte os contactos comerciais entre empresas españolas e importadoras de Xapón, Alemaña, Brasil e México.

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, que asistiu á inauguración, coincidiu en que o mercado exterior é «fundamental» para o xamón, en concreto, e para o porcino, en xeral, que exporta un terzo da súa produción, o que supón en Galicia 190 millóns de euros anuais.

O futuro deste sector, cuxas 300 empresas galegas facturan 1.400 millóns ao ano e xeran 8.000 empregos, tamén pasa, a xuízo do conselleiro de Medio Rural, por «melloras tecnolóxicas» para reforzar a súa competitividade; por «a transparencia dos mercados internacionais», que free a especulación; por «a estabilidade dos prezos das materias primas», que supoñen entre o 65 e o 70% do custo de produción, e pola seguridade alimentaria.

Á inauguración do congreso tamén asistiron, entre outros, os presidentes das dúas entidades que organizan o congreso, a Fundación Feiras e Exposicións e a Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), Eduardo Núñez-Torrón e Manuel Losada, respectivamente; o concelleiro de cultura e turismo, Antón Bao, e o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen presentou a provincia de Lugo como «o mellor supermercado do mundo» por «a horta de toda a vida e o Mar Cantábrico».

Entrada publicada: 22/09/2011

Volver