Blog

Faltan criadores de Porco Celta

ASOPORCEL

"A demanda é superior á produción. Galicia necesita máis criadores de porco celta". Este é a mensaxe que lanzan dende a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel). E é que a saborosa carne de calidade e ademais cardiosaludable deste porco autóctono conquista, de ano en ano, máis padais dentro e fóra das nosas fronteiras.

Asoporcel agrupa nas catro provincias galegas a algo máis 300 criadores destes animais, que en 2010 sacrificaron 1.500 cabezas, de acordo cos datos facilitados polo director técnico da asociación, José Antonio Carril. A produción de porcos de raza celta afiánzase paso a paso en Galicia e segue crecendo. De feito, o sector moveu o pasado ano 1,8 millóns de euros, derivados da venda a particulares, animais para recría e produtos transformados para a distribución no mercado. Galicia e Madrid e Barcelona son os principais destinatarios de porcos celtas de Asoporcel.

Entre os obxectivos inmediatos desta asociación de produtores está o fomentar, incentivar e animar comunidades veciñais de montes -tal como sucede no Incio (Lugo)- a que se animen a producir porco celta, animais que se crían ao aire libre, en extensivo, a base de castaña e penso natural de soia e cereais.

José Antonio Carril insiste en que o mercado de carne de porco celta, malia a crise que a todos nos afecta, está á alza e ten gran futuro. "Galicia necesita produtores", insiste. "Trátase dunha carne de excelente padal, singular, saudable e cardioprotectora polos seus ácidos graxos", explica. De feito, Asoporcel busca novos mercados e Xapón é un dos que está no seu punto de mira.

Asoporcel subscribiu un convenio de colaboración con Medio Rural para o período 2010-2013 por importe de 280.000 euros, co fin de conservar e fomentar a raza autóctona do porco celta. Grazas a esta axuda mantén tres proxectos de investigación para mellorar a produción e comercialización deste emerxente sector porcino, así como para a creación dun banco de germoplasma da raza para garantir o seu mantemento.

Entrada publicada: 09/07/2011

Volver