Blog

O futuro do Porco Celta

Porco Celta

Tal como están hoxe en día as cousas a nivel de traballo, penso que non sería unha mala opción. Era unha raza de porcos que ata os anos cincuenta era o típico dos cortes galegos, foron desaparecendo pouco a pouco e, na actualidade, se encontra en vías de extinción.

Son animais moi longos, pouco precoces (tardan moito tempo en crecer), con cabeza moi grande e orellas moi longas que lle chegan a tapar os ollos, moi altas e grandes andadeiras. A carne destes animais é de gran calidade para a elaboración de embutidos e xamóns, aínda que ten gran cantidade de graxa.

O porco celta é un animal de sistema óseo e muscular moi desenvolvido, sobre todo o terzo anterior, con cabeza forte, longa e carnosa; membros alongados, dorso arqueado, anca derrubada, pel grosa poboada de porcas e cola longa. Son animais rústicos, áxiles, con boa aptitude para a marcha polo seu forte aparato locomotor que lle permite percorrer grandes distancias no pastoreo, como conseguía antigamente esta raza en Galicia.

Que levante a man quen non o probase!

Agora, esta especie autóctona enfróntase a un novo reto. Os criadores deben aumentar a produción para satisfacer a demanda e desta forma, aproveitar o aluvión de pedidos que chama cada inverno ás súas portas. Hai distribuidores que aseguran que poderían chegar a vender ata tres veces máis, o que dá boa conta da aceptación que ten entre os consumidores. Cífrase en máis dun 50% o aumento de produción necesaria para cubrir a demanda.

O porco celta celebra este ano o décimo aniversario do comezo da súa recuperación. Nesta década o censo de porcos foi en aumento paulatinamente, ata alcanzar na actualidade unha cifra que rolda os 3.000 exemplares.

O porco celta non é alleo ás falsificacións. Por iso, comezou a funcionar a entidade certificadora "Soutos Galegos", unha empresa externa que avalará a autenticidade e calidade da carne que sae ao mercado. "Defenderá a marca fronte aos oportunistas e fraudulentos", anunciou Xosé Antonio Carril, presidente da "Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta" (Asoporcel).

O porco celta xa non é un descoñecido entre os galegos, pero aínda hai xente que aínda non o probou. Dende hai varios anos, feiras gastronómicas e degustacións multiplícanse como os cogomelos: Sarria, Corcubión, Manzaneda e Beariz, son algunhas das localidades que renden culto ao marrán galego. Non podemos esquecer os chourizos, lacón, salchichón, lombo, ou unha serie de produtos elaborados a partir de carne celta, porque como di o refrán: "do porco aprovéitase todo".

Entrada publicada: 11/04/2011

Volver