Blog

O proxecto turístico Saboreando Galicia dende Muxía presentarase en Fitur a próxima semana

Saboreando Galicia dende Muxía

A Asociación de Turismo Rural Muxía natural presentará a próxima semana en Fitur o programa denominado Saboreando Galicia dende Muxía. Trátase dun conxunto de paquetes turísticos que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño, nos que se conxugan casas rurais, gastronomía e turismo activo.

Neste proxecto participan os cinco establecementos de turismo rural do municipio: Casa de Trillo, Casa de Lema, Casa Castiñeira, Casa Ceferinos e Casa Fontequeiroso. Colabora o Concello muxián, Turgalicia, a Deputación, Fecom, APTCM, Asociación do Porco Celta da Costa da Morte, a confraría de pescadores de Muxía, Meigalicia, Surf Costa dá Morte e Carnizaría Antelo.

A presentación será no estand de Fitur o próximo mércores 19, ás 16.30 horas. Participarán Carmen Pita, directora de Turgalicia; Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación; o alcalde, Félix Porto; o presidente da Asociación Española de Autónomos, Lorenzo Amor; José Gabín, presidente da Fecom; representantes de Muxía natural e a actriz Teté Delgado. Ao termo do acto haberá unha degustación de percebes de Touriñán e de porco celta.

As casas de turismo rural de Muxía ofrecerán cada mes un menú distinto, con produtos de tempada, que se poderá combinar con actividades como surf, un tour fotográfico ou ornitolóxico, o Camiño ou sendeirismo, entre outros. A entidade tamén estará en Fitur Activo.

Entrada publicada: 11/01/2011

Volver