Blog

Comer (devagar) en Galicia

Slow Food Galicia

O millo corvo, variedade de millo de cor negra de Merio, na localidade de Bueu, Pontevedra; a centola do Mar de Lira, no concello de Carnota, e o porco celta son os tres produtos galegos incluídos na Arca do Gusto, un catálogo internacional que promove o movemento slow food e que inclúe produtos ameazados pola extinción.

Non quero alimentarme, quero comer". Así é como defende Encarna Otero, unha das promotoras do movemento en Galicia, o seu xeito de entender o slow food, unha corrente que conta con máis de cen mil asociados. O movemento naceu en Bra (Italia) en 1989 como contrapunto á filosofía imperante da comida rápida e prefabricada.

Slow Food é unha asociación ecogastronómica sen ánimo de lucro financiada polos seus membros. Está presente en 151 países e defende a filosofía do bo comer e os produtos naturais. Fundouse en 1989 para contrarrestar a fast food e a fast life, impedir a desaparición das tradicións gastronómicas locais e combater a falta de interese xeral pola nutrición, polas orixes, os sabores e as consecuencias das nosas eleccións alimentarias.
A Arca do Gusto recupera e cataloga sabores esquecidos e produtos de excelencia contrastada que se encontran en perigo de desaparición.

"Queremos recuperar o gusto pola comida, polo pracer de sentarse á mesa", explica a Emilio Louro, un dos fundadores do Convivium -nome que adopta cada un dos grupos no mundo- creado hai menos dun ano en Galicia.

O movemento, con arraigamento nunha trintena de lugares en España -especialmente no País Vasco-, chegou a Galicia para quedar. O slow food ofrece unha oportunidade única para os produtos e o turismo galego, defenden os seus promotores.

Ao mesmo tempo, as slow cities, unha agrupación espontánea de pobos e cidades co compromiso de incrementar a calidade de vida dos seus cidadáns, esténdense xa por todo o mundo, dende Noruega a Brasil.

Nalgúns lugares comezaron a xurdir ademais os restaurantes Kilómetro Cero, propostas hostaleiras que achegan os produtos locais aos consumidores. Para abrir un destes restaurantes é necesario que a carta inclúa polo menos cinco produtos rexionais slow food. Trátase de algo tan sinxelo como promover os produtos locais e consumilos o máis preto posible de onde son producidos. Pura filosofía slow food, un movemento moi vinculado á agricultura orgánica, un modo de traballar a terra que busca o menor impacto no medio.

Así, para formar parte da Arca do Gusto, un catálogo internacional de produtos locais ameazados pola extinción, é necesario cumprir varios requisitos. Os produtos han de ser organicamente saudables, obtidos con prácticas respectuosas co medio, e economicamente sostibles, isto é, que garantan un modo de vida digno para os agricultores.

Entrada publicada: 07/10/2010

Volver