Blog

Corcubión é un dos encontros que temos destacado na axenda

Tuna de Veteranos

Manuel Rodríguez García (A Coruña, 1946) representa á Tuna de Veteranos da Coruña, conxunto que participar, por terceira vez consecutiva, nunha nova edición da Festa Gastronómica do Porco Celta en Corcubión, que organiza a Asociación Amigos do Porco Celta da Costa da Morte na praza de Castelao.

-A terceira vez xa...

-Si, e a verdade que imos encantados, porque nos trataron moi ben sempre alí. Conectamos moi ben coa xente, tanto maiores coma novos, que é o que máis nos sorprende. Normalmente imos pensando que tocaremos unha hora ou unha hora e cuarto, pero ao final sempre se prolonga ata as dúas horas. Pero é que estamos moi a gusto...

-Imos, que se divirten.

-Sempre que subimos ao escenario desexámoslle ao público que o pasen polo menos igual de ben ca nós. Corcubión é un dos encontros que temos destacado na axenda, porque é dos que máis nos apetece ir. É unha festa moi entrañable.

-Que é o que máis lles piden?

-As de sempre, como El Gusto, Fonseca, Tuna compostelá e, por suposto, Clavelitos, o emblema de calquera tuna. En xeral, gustan as cancións desenfadadas e as que recordan a Galicia.

-Deixaranos probar o porco...

-Claro (ri). Sempre lles pedimos que nos reserven un sitio, porque o preparan xenial.

Entrada publicada: 08/08/2010

Volver