Blog

O xamón de Porco Celta xa se equipara ao ibérico de landra en salubridade

Porco Celta

Os últimos estudos de laboratorio sobre a graxa do xamón do porco celta sitúano á altura do ibérico de landra en salubridade e sapidez.

As análises foron encargadas pola Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) a laboratorios oficiais de Extremadura e Castela e León, «e a comparativa co xamón ibérico non nos deixa mal parados, todo o contrario,» asegura José Antonio Carril, veterinario e presidente de Asoporcel.

«Cada ano -explica José Antonio Carril-, os xamóns ibéricos sométense a unha análise de ácidos oleica, linoleica, palmítica e esteárica, e iso permite clasificar despois cada produto en tres categorías: cebo, recebo e ibérico de landra, que é a de máxima calidade. Estivemos a ver os perfís de ácidos graxos do porco celta en laboratorios oficiais, e os últimos sitúannos na categoría reservada ao ibérico de landra». Cunha particularidade, o porco galego non come landras, senón castañas. «Ben, algunha tomará -matiza-, pero a base da súa alimentación é a castaña». A máxima cualificación para o xamón de porco celta implica niveis de salubridade parecidos aos do ibérico de landra, coñecido polas súas excelentes propiedades para o colesterol. «Pero tamén a sapidez», insiste o presidente de Asoporcel, que incide nas posibilidades de máximo sabor do xamón, segundo estes estudos, «xa que son esas graxas as que achegan moitas das propiedades organolépticas do produto».

Entrada publicada: 27/12/2009

Volver