Blog

Aprobada en Turín a constitución do movemento Slow Food en Galicia

Slow Food

O movemento Slow (en inglés, 'lento') nace de xeito oficial en Galicia tras a aprobación en Turín -a sede internacional- do Convivium galego de Slow Food (comida lenta, en inglés), unha das ramas desta asociación sen ánimo de lucro, nacida como resposta á invasión homogeneizadora da comida rápida e o ritmo frenético da vida actual. Propugna o bo comer e a defensa dos alimentos de calidade e organízase territorialmente en convivia (en latín, banquetes ou festas).

Despois de varios anos de xestación e un impulso definitivo o ano pasado coas reunións previas, «Turín acaba de aprobar a nosa constitución de forma oficial. Agora celebraremos nosa primeira asemblea na primeira quincena de decembro, posiblemente en Muxía,» explica Jesús Trillo, presidente do Convivium Galicia.

Nesa reunión realizarase unha apertura ao conxunto da sociedade galega «para que se dean de alta os que o desexen», agrega. O obxectivo será aproveitar «as boas condicións de Galicia» para fomentar unha vida máis tranquila, o bo comer ou os produtos ecolóxicos, excepcionais pola súa calidade, a súa elaboración artesanal ou que se achen en perigo de desaparición», sempre que non estean amparados xa por unha denominación de orixe ou unha identificación xeográfica protexida.

Denomínanse produtos baluarte, e coincidindo co nacemento da asociación galega, Slow Food internacional xa catalogou dous dos promovidos polo Convivium Galicia: o millo corvo e a centolla de Lira. En trámite de aprobación encóntrase tamén o porco celta.

A protección destes alimentos supoñerá un compromiso para a súa promoción en restaurantes mediante campañas e xornadas específicas, e a súa exhibición no encontro anual Terra Madre, de Turín, no que se dan cita convivia de todo o mundo.

Jesús Trillo pretende tamén que na primeira asemblea de decembro se semente a semente do movemento Cittá Slow ('cidade lenta'). Existen xa varios exemplos en España, pero a idea é que Galicia conte o antes posible cunha representación.

Entrada publicada: 05/11/2009

Volver