Blog

Os especialistas ofrecen en Corcubión as claves para desenvolver o negocio do Porco Celta

Porco Celta 2009

Preto de 200 persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia achegáronse o sábado á casa da cultura de Corcubión para asistir ás xornadas sobre de porco celta organizadas pola Asociación de Amigos do Porco Celta Costa da Morte.

Tres relatores de distintos organismos e asociacións analizaron as claves da cría do porco para facer viable economicamente o negocio.

Unha das participantes, María Tocón Almirante, resumiu ante os asistentes a experiencia coa cría de porco Ibérico en Extremadura. Ela traballa nunha asociación de produtores que leva dous anos dedicándose tamén á transformación do produto para a súa venda, a única forma de conseguir que a cría sexa rendible.

Tocón falou das distintas clases de porco ibérico existente en Extremadura e das dificultades para determinar cuales son os mellores exemplares, xa que na denominación entran distintos tipos, independentemente da pureza da raza. Tamén varía a calidade do produto final en función da alimentación dos animais. Un dos problemas para a cría de especies como o porco ibérico é a necesidade de grandes espazos abertos. Tamén son necesarios para o porco celta, coa diferenza de que en Galicia os montes son máis produtivos e se poden criar os porcos en áreas máis reducidas.

Tamén participou nas conferencias Gerardo Rivero, técnico da Consellería de Medio Rural, quen falou das razas autóctonas e dos tipos de explotacións nas que se crían. Actualmente en Galicia só unha ou dúas granxas permiten aos seus propietarios vivir exclusivamente da venda de carne de porco celta. A maioría dos produtores teñen un reducido número de animais e dedícanse tamén a outras especies.

Finalmente, nas xornadas tomou tamén a palabra José Antonio Carril, da asociación de produtores Asoporcel. Na súa opinión, aínda non se tocou teito no sector e hai máis demanda que produto no mercado.

Tras as charlas, púidose probar o porco celta en distintas preparacións. Empanada, cinco tipos de chourizo, dous de salchichón, paleta asada e xamón cocido aliñado. Unha proba das calidades gastronómicas do animal.

Entrada publicada: 19/10/2009

Volver