Blog

De momento, o Porco Celta é unha inversión rendible e con futuro»

José Luis Antelo

José Luis Antelo (Lavallal, Arxentina, 1962) é o presidente da Asociación de Amigos do Porco Celta da Costa da Morte, a entidade que organizou para hoxe, desde as oito e media na casa da cultura de Corcubión, unha xornada informativa sobre o porco celta, así como unha degustación gratuíta para dar a coñecer o produto.

-¿Quen estará presente nas charlas de hoxe?

-Falarán de distintos aspectos de porco celta José Antonio Carril, da entidade Asoporcel, Gerardo Rivero, de Medio Rural, e tamén unha enxeñeira agrónoma que traballa co porco ibérico e que contará a experiencia en Estremadura con ese produto.

-¿Que aspectos tratarán?

-Entre outras cousas, faremos unha simulación de como poñer en funcionamento unha granxa para 15 cebóns, con custos e rendibilidade.

-¿Que é o máis caro do proceso?

-O peche do monte. Para quince animais é preciso unha hectárea de terreo forestal, e para pechala pode ser necesario investir entre 10.000 e 12.000 euros. Coas novas liñas de axudas anunciadas será moito máis sinxelo.

-¿É rendible o negocio?

-De momento, o porco celta é unha inversión rendible e con futuro. Na Costa da Morte hai 25 explotacións con 80 femias, 16 machos e 350 cebos.

-¿Como empezou coa granxa?

-Foi por casualidade. Eu andaba a buscar ibéricos puros para traelos aquí. Un día saín a mercar tenreiras e vin uns porcos raros en Mazaricos. Preguntei por eles, porque xa vin a simple vista que aquilo era moi semellante ao que andaba buscando.

-¿Foi fácil introducilo entre os consumidores na comarca?

-Os dous ou tres primeiros anos foron difíciles. É un animal con moita graxa e non foi fácil, pero pouco a pouco fomos indo e xa estamos nas 20 nais.

-E despois das charlas, degustación do produto.

-Que está aberta a todos. A xornada, por certo, non se podería ter organizado sen a axuda das 25 persoas que están na asociación.

Entrada publicada: 17/10/2009

Volver