Blog

Erguendo o Porco Celta

Porco Celta

Relanzar o porco celta e elevalo á categoría de produto delicatesen para equiparalo ao porco ibérico é o reto que se marcou a Asociación de Amigos do Porco Celta de Costa da Morte. Estas bisbarras atlánticas son berce da variedade autóctona Carballina, que se distingue das demais polo maior tamaño das súas manchas negras.

O presidente da asociación, José Luis Antelo, asegura que "cada vez ten máis aceptación entre os consumidores", e a pesar da crise "é a única carne cuxo consumo segue crecendo na zona". Ademais de presidir o referido colectivo, Antelo é o xerente da única carnizaría da provincia da Coruña, situada en Corcubión, que vende a diario carne fresca de porco celta. Conta, así mesmo, con explotacións propias onde cría e ceba os marráns, pechando así todo o ciclo produtivo.

A clave para lograr a calidade máxima radica, ademais de na xenética dos animais, en que estes "poidan camiñar moito en espazos libres", segundo Francisco Lema, secretario da asociación, ademais de veterinario de profesión e alcalde de Corcubión. E é que a actividade física outorga á carne de porco celta "un sabor e unhas calidades moi especiais".

Actualmente en Costa dá Morte hai 25 explotacións, distribuídas entre os municipios de Mazaricos, Zas, Cee, Vimianzo, Muxía, e Ponteceso, e o obxectivo, segundo Lema Fuentes, "é conseguir crear un maior número de explotacións para dispoñer dunha produción que permita abrir novos mercados que están interesados nesta carne".

Asegura que este é un bo momento, pois a autorización para que Galicia poida acoller producións extensivas -ao aire libre- de porco, "é unha grande oportunidade", e os interesados poderán optar a importantes axudas a través do GDR de Costa dá Morte, e tamén da liña de subvencións habilitada polo Ministerio de Industria.

Ademais de ser unha oportunidade de negocio con futuro, e de contribuír a potenciar a raza do porco celta, Francisco Lema asegura que os que se decidan a crear unha explotación extensiva "estará a contribuír tamén á posta en valor dos montes galegos".

Entrada publicada: 16/10/2009

Volver