Blog

Unha Costa da Morte riquísima

Porco Celta 2009

«Rico, rico e con fundamento», como diría un coñecido e televisivo cociñeiro. Porque isto hoxe vai de boa gastronomía e mellor preparación. A Costa da Morte prepárase para un día de enchenta. Digamos que non son produtos tipicamente estivais, pero fan a función. Tampouco é que o tempo o sexa, así que o porco celta, os calos e os mexillóns que hoxe se servirán en distintas localidades da bisbarra non serán, nin moito menos, mal recibidos.

Probablemente quede escondida algunha celebración gastronómica máis, pero, para empezar e ir abrindo boca -o apetito saciarase se se acode-, poderíase falar da cuarta Festa do Porco Celta de Corcubión, que se celebrará na praza de Castelao.

A partir das 12.00 horas comezarán as actividades con xogos para os nenos, que continuarán ao longo de todo o día. Á unha e media, comida a base de produtos elaborados do produto embaixador. Concursos, monicreques, baile galego, cea, música coa Tuna de Veteranos da Coruña e, ás 24.00 horas, festival folk con Álvaro Costas & Hot Band e o grupo Xarabal de Corcubión.

Entrada publicada: 08/08/2009

Volver