Blog

O Porco Celta está en perigo de extinción, pero sobrevive grazas a gandeiros implicados

Porco Celta

Porcos hai moitos, pero coma o porco celta non hai outro no mundo. A raza de porco celta é a única autóctona e propia de Galicia e atópase en perigo de extinción. Porén, a situación está a mellorar nos últimos anos, especialmente dende a creación, no ano 1999, da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel).

Asoporcel non só integra a todo os criadores de exemplares desta variedade porcina que están interesados na súa conservación e mellora, senón que ao mesmo tempo representa, defende e promociona os intereses económicos, sociais e profesionais dos seus membros. Pretenden salvagardar un animal e un produto ao mesmo tempo.

Do porco celta como gando destaca a súa excelente capacidade para adaptarse ao medio e a súa rusticidade, xa que ten que vivir en condicións totalmente naturais. Coa lonxitude das súas extremidades demostra a súa aptitude para a marcha, que é viva, grácil e de abaneo característico da raza. Fisicamente sobresae a súa cabeza, grande, forte e alongada. O fociño é ancho e gordo. As orellas, grandes e caídas, cobren os pequenos ollos. O pescozo é longo, estreito e forte. O dorso e o lombo son estreitos, longos e arqueados e o ventre é recollido. A cor da capa depende da variedade, sendo diferente en cada unha delas. Na santiaguesa ten pel rosada, na carballina caracterízase polas pigmentacións negras e na barcina ten lunares circulares de ton grisáceo.

Os produtos cárnicos que ofrece esta especie son de primeira calidade. É o ibérico galego. Isto vén dado por varias circunstancias. En primeiro lugar polas súas restricións alimenticias, aproveita os recursos que encontra ao seu paso, pero agradece o complemento de landras ou castañas. Tamén, e a pesares de que os animais teñen maior tamaño e peso que noutras variedades, o seu crecemento é lento e por iso a súa cría prolonga a matanza ata os 14 meses, cando noutras especies con 8 é suficiente.

Recuperación

Na actualidade, cunha maior demanda interna de produtos de calidade, o porco celta, grazas aos programas de recuperación e ao labor da asociación de criadores (Asoporcel), ten un futuro esperanzador, non só como materia prima, senón tamén como raza autóctona.

«Nós temos 265 ganderías rexistradas e un proxecto de comercialización a través da marca de calidade porco celta. Esa marca traballa cun volume de 1.000 porcos ao ano que son sacrificados», sinala José Antonio Carril, coordinador xeral de Asoporcel.

Ademais do labor da asociación de criadores en toda Galicia, hai outros proxectos particulares na nosa autonomía. Un deles é o da Asociación de Amigos do Porco Celta de Corcubión. Esta agrupación conta con 25 socios e organiza o segundo sábado do mes de agosto unha festa gastronómica. «O porco celta é o protagonista da festa. Degustamos os seus produtos e incluso temos unha femia coas súas crías á cal os visitantes non deixan de facerlle fotos», comenta ao respecto José Luis Antelo, membro da asociación e propietario da Carnizaría Antelo da localidade corcubionesa.

Entrada publicada: 24/05/2009

Volver