Blog

O Porco Celta desata paixóns

Porco Celta 2008

A Festa do Porco Celta está chegando a súa madureza. Mellor posta en escena e tamén maior afluencia de público que outros anos para dar conta dos centos de porcións que se puxeron á venda onte en Corcubión.

O visitante topábase, de entrada, cun posto -en cartón pedra- de Medio Rural na praza de Castelao, ofrecendo información sobre as calidades da única raza porcina autóctona, que asociacións como a Amigos do Porco Celta están intentanco recuperar en Galicia. Ben documentados, os visitantes baixaban despois ao posto de venda -o alcalde, Francisco Javier Lema, traballou, un ano máis, servindo porcións-, onde, por 6 euros a porción, podía dar conta de empanada, táboa de embutidos, paleta asada, chourizos ao viño e carne á pedra. Todo, claro está, elaborado con porco celta.

Que a festa funcionou demostrárono as colas para conseguir os vales para facerse coas porcións e o escaso sitio -sobre todo á sombra, apertaba o sol- para poder sentarse a comer. E na cata notábase a diferenza co porco que en Galicia se explota a nivel industrial. Moitos preguntábanse se aquela carne, máis substanciosa que a que se encontra no supermercado e con outros sabores, era realmente porco. Preto, nunha gaiola, unha gran seda celta cos seus leitóns parecía non intuír que comían os visitantes.

Entrada publicada: 10/08/2008

Volver